miércoles, 23 de octubre de 2019

Pezas de Museo I: Moa (Muíños hidráulicos)

Con este post comezo unha nova serie temática que titulei “Pezas de Museo”, na que o que quero e presentar e interpretar, pois iso: pezas, obxectos, aparellos, cousas,..que, polas súas características ven poden merecer un lugar na exposición dun museo. Noutras ocasións traerei a este espazo pezas que xa están nalgún museo e que me chamen a atención especialmente polo que aportan a ese museo ou que teñan un valor ou un significado interesantes para compartir aquí.



Museo municipal de Rodeiro,
Sala de Etnografía.
Para comezar a serie escollín unha peza única, pero da que existen moitas semellantes, e cada unha delas é unha "pedra con historia". Unha peza que, unha vez máis nos demostra a versatilidade e resistencia da pedra. A Moa.

A Moa é unha das pezas máis representativas dos nosos muíños de río. Pódese dicir que é unha d
as protagonistas, situada no centro do tremiñado, o espazo principal da construción, é parte activa no traballo do muíño. Ten unha función fundamental no traballo e ocupa un lugar privilexiado. A través do seu ollo central vai pasando o gran paseniño, e xirando e xirando sobre o , transfórmase en fariña.

Fotografía do interior dun antigo muíño
Yoli Aguiar (Rodeiro).
Estas Pedras con historia, hoxe podémolas atopar expostas en moitos museos etnográficos, tamén son moitas as que foron recollidas do seu emprazamento orixinal polos herdeiros dos muíños e levadas á casa onde as gardan, outras moitas desapareceron vítimas de espolios de muíños abandonados. Pois ben, sexa como sexa estas fermosas pedras fálannos dos tempos de esplendor dos muíños, aqueles nos que era fundamental ir a eles a moer o gran para obter fariña coa que cocer o pan ou alimentar os animais. Gardan a memoria dunha época e dunha tradición: a da moenda ou muiñada, e demostran o saber de dous deses oficios tradicionais perdidos no tempo: o do muiñeiro e o do canteiro. Era o muiñeiro o que se servía dela para a labor no muíño,  pero era un canteiro o encargado de elaborar a moa perfecta para o muíño e de facer o traballo de mantemento necesario para tela sempre a punto, posto que de vez en cando había que repicala para combater o desgaste polo roce continuo co sobre o que xiraba durante horas e días de continuo traballo.

As fotos que acompañan o texto, a primeira é unha foto que saquei fai tempo no Museo Municipal de Rodeiro, na súa sala de etnografía, onde se custodian tres moas, moi desgastadiñas polo traballo e o paso do tempo. E ahí están, xa xubiladas e acompañadas por un tamén de muíño, contándose as súas historias de xuventude. 

A segunda foto, mostra unha gran moa que permanece no interior dun antigo muíño. Neste caso, a moa en moi bo estado de conservación semella que está descansando disposta a colocarse no seu lugar de traballo e comezar a faena, pero o tempo pasa e o muíño segue parado e sufrindo as consecuencias do abandono.

martes, 15 de octubre de 2019

O rural en feminino: lavadoiros.

Cada ano a finais do verán é un problema común en moitas aldeas e casas do rural que se note a merma na auga. E cando a auga merma hai que tomar medidas para o aforro no consumo, unha desas medidas de aforro é deixar por unhas semanas de empregar a lavadora e encamiñarse ao lavadoiro da aldea co cesto da roupa, a peza de xabón e un cepillo.
Fonte e lavadorio da aldea de Laxas,
na parroquia de Pedroso (Rodeiro).

O conto é que en momentos así non podo evitar facer unha viaxe no tempo e imaxinar cando nosas nais e avoas eran mozas ou nenas e na que non tiñan outra opción que lavar as pendas de vestir e de uso doméstico á man.

Daquela os lavadoiros instalábanse na beira dun río próximo, dun rego ou fonte onde a corrente de auga facilitase o traballo. Para apoiarse e axudarse na tarefa empregaban unha lousa de pedra inclinada ou unha táboa sobre a que enxugar e retorcer a roupa. Ó final a colad extendíase sobre a herba do campo ou nalgún valado ben soleado, onde acababa de clarear. Deses lavadoiros xa non quedan, ou polo menos eu non teño constancia de ningún, pero penso que seguro que moitos de nos temos visto algunha imaxe, fotografía ou similar de mulleres lavando no río. Na miña aldea coñezo o sitio onde estaban situados, xunto a o lugar onde aínda hoxe nace unha fonte, alí lavaron a roupa miña avoa e miñas tias, ademais das outras amullares da aldea e alí tamén recollian  a auga para consumo da casa e outros fins, antes de que se fixera a traída.

Co tempo ideouse unha construción máis elaborada que seguro todos coñecemos e que atopamos en case todas as aldeas e casas, que tamén somos moitos os que temos lavadoir privado, como que era unha instalación de primeira necesidade. A instalación é simple, a auga recóllese nun tanque procurando que se manteña  nunha corrente continua para que esté limpa. A un ou a os dous lados teñen unha superficie inclinada sobre a que traballar. Álgúns, incluso, teñen cuberta para protexerse os días de chuvia, espazo para tender a roupa en cordas, fonte para coller auga limpa ou un tanque onde beber os animais. O material protagonista pode ser pedra, demostrando unha vez máis a súa versatilidade e resistencia ademáis de mostrar o traballo dun deses oficios tradicionais: o dos canteiros. Pero tamén os atopamos de cemento e formigón, iso si, cun resulta menos estético.

Os lavadoiros son un tipo de construción ideada para un fin concreto que podemos catalogar como arquitectura popular rural, que hoxe se encadra dentro do patrimonio etnográfico material porque conservan a memoria dunha tradición e dunha época, son un elemento cohesionador da vida nas aldeas e teñen historia. Un ben de interese que é exemplo, xunto cos muíños hidráulicos, da gestión e aproveitamento da auga como un recurso natural e renovable. Hoxe seguen ocupando un espazo importante nas nosas aldeas e nas nosas vidas, acompañándonos no noso día a día, son un punto de encontro entre veciñas de xeración en xeración, e por iso creo que debemos de darlle o valor que se merecen, e colaborar no seu mantemente procurando que non acaben por desaparecer. Coñozo algún caso de lavadoiro público que sufríu obras de modificación, na miña opinión bastante desafortunadas, facendo que perdese parte da estrutura orixinal pero tamén da súa personalidade.

A parte, en torno á tarefa de lavar a roupa e dos lavadoiros xéranse outro tipo de cuestións e temas, como o do traballo das mulleres no mundo rural, porque que sería deste mundo e das súas familias sen o traballo e dedicación das mulleres, sempre tirando do carro, exemplos de fortaleza, esforzo e traballo. Precisamente esto é que me inspirou a escribir este post, e outros que publicarei máis adiante.

Primeiro, teño que salientar o traballo das mulleres no rural. Ir ó río ou á fonte a lavar a roupa é so unha das múltiples tarefas exclusivamente femininas. As mulleres do rural atenden a casa e os fillos, comidas, limpeza, ocúpanse dos animais miúdos e das hortas,… e sempre están dispostas a facer calquera outro traballo colaborando cos homes.

Aínda hoxe, a pesares que foron mudando os roles e son xa moitos os homes que asumen que as tarefas domésticas tamén son cousa súa, en moitos casos seguen sendo para as mulleres. Temos que ter en conta que co avance da vida e as novidades da modernidade hai tarefas que xa non se fan na casa, como amasar e cocer o pan ou preparar e tecer a lá e o liño, tarefas "femininas" que son xa un recordo que se conserva na memoria duns poucos e nas pezas e ferramentas que aínda se atopan nos trasteiros dalgunhas casas ou expostas en museos de etnografía.

Volvendo ó lavadoiro, ir lavar non so era un traballo senón que era o momento no que se xuntaban as veciñas, cumplindo unha función social, alí aproveitaban para contar contos, poñerse ó día dos cotilleos da zona, pero tamén podía pasar que reñesen entre elas e algunha acabase a remolla na auga entre sabas e trapos. Se lle preguntas a algunha avoa seguro que che contará mais dunha divertida historia lavando xunto ao río que garda con cariño na súa memoria. 

E xa para finalizar, teño que facer referencia ó patrimonio inmaterial. É típico da forma de ser dos galegos e galegas que as tarefas, oficios e tradicións lles inspirase a xerar unha chea de cantigas e ditos populares que conteñen ensinanzas e saberes. Eu teño escoitado moitas veces esta cantiga que seguro que todos coñecemos e que precisamente fai referencia ó tema deste post:

“Maruxa si vas ó río a lavar,
non torzas a roupa que a podes rachar,
que a podes rachar,
que a podes romper,
Maruxa si vas ó río a lavar”.


Seguro que coñeces algunha máis. Si é así podes compartila abaixo na sección de comentarios, ou mesmo se na túa aldea contades cun bonito lavadoiro, envíame a foto e colocoa xunto a este texto. ;)