A Galicia dos anos vinte do século pasado quédanos xa tan lonxe no tempo e producíronse tantos cambios na sociedade que nos resulta un mundo moi alleo e cheo de diferencias. Por sorte consérvanse arquivos documentais e todo tipo de obxectos e pezas que nos permiten achegarnos a eses anos do pasado dos que xa apenas quedan xentes que os viviran en primeira persoa.
Daqueles anos,
nos que a fotografía xa era un oficio ben asentado, existen gran cantidade de
imaxes que axudan a manter a memoria das xentes e da vida. Por terras galegas
pasearon e pousaron a súa mirada varios fotógrafos nacionais e internacionais que quixeron
facer inmortais os nosos antergos e a súa maneira de vivir a través das súas
fotos.
Unha daquelas
fotógrafas foi Ruth Matilda Anderson, de nacionalidade Norteamérica, enviada
pola Hispanic Society of America coa misión de documentar á sociedade galega
dos anos 20. Ruth pasou unha boa tempada en Galicia recorrendo vilas,
cidades, pero sobre todo aldeas. Compuxo un gran arquivo fotográfico que hoxe,
case 100 anos despois, é un documento etnográfico e histórico de valor incalculable que nos
ofrece unha mirada á realidade rural dos anos 20, gardando para sempre en
imaxes numerosas escenas e persoas. Pousou a mirada e a lente da súa cámara
sobre as xentes traballadoras do mar e do campo galego, homes, pero sobre todo
mulleres, humildes e traballadoras que levan no seus rostros as marcas da vida
e do esforzo, tamén da miseria da época. Emocionan as fotografías dos nenos e
nenas, moitos deles descalzos, que abandonaron moi pronto os xogos infantís para contribuir co seu traballo á subsistencia familiar.
A Hispanic Society publica un libro, un catálogo coas fotografías que aporta Ruth Matilda. Este libro é o punto de partida para a exposición que a Asociación Etnográfica 7 Espadelas plantexa en colaboración co Museo de Pontevedra e que se pode visitar na salas 2 do edificio Castelao ata o vindeiro 16 de outubro (2022).
A exposición
reproduce imaxes, persoas e escenas que a fotógrafa capturou no seu camiñar por
Galicia pasando por vilas e aldeas. Dan cabida sobre todo a aquelas imaxes que
son mais representativas da tradición e da cultura do rural galego e que nos
lembran oficios, obxectos, costumes ou tarefas cotiás que se foron abandonando
ou perdendo co paso do tempo e os cambios na forma de traballar e de vivir.
A mostra está
composta con gran gusto estético, repartida en varios espazos ou ambientes de
diferentes temas: os oficios, traballos do mar e da terra, as festas e feiras,
o loito e a morte, ou as vodas, son algún deses temas. En cada ambiente temos
fermosas imaxes seleccionadas de entre todas as que capturou Ruth Matilda. Na
súa meirande parte, as fotos, están protagonizadas por persoas, realizando as
súas tarefas diarias: palilleiras, leiteiras, vendedoras de leña nas prazas
dalgunha vila, ou de cerámica nalgunha feira, algunhas en solitario, noutras en
grupo, sobre todo aparecen mulleres, de expresión seria pero mirada ao fronte,
seguras e fortes aínda que con certo aire de tristura. Algunhas cos seus meniños no colo
ou ás costas.
Nos muros da sala
as fotografías xa son unha moi boa exposición en si mesmas e un bo motivo para
visitar a mostra. Pero este proxecto expositivo foi mais aló, dando vida e
forma a esas imaxes. Así ó tempo que vemos as fotos no noso percorrido polo
espazo camiñamos entre as personaxes protagonistas das mesmas, recreadas o mais
fielmente posible, vestidos a maneira da época e sen esquecer que a vestimenta é o fio conductor da mostra, nas mesmas poses que as persoas das fotos, postos de venda nalgunha feira, traxes, roupas, ferramentas, zocos, xoias, ... algúns
orixinais e en perfecto estado de conservación, outros son reproducións
seguindo os patróns e modelos antigos. O ambiente creado envólvenos e vólvenos ó pasado.
Gracias ó
traballo de Anderson e a exposicións coma esta, hoxe podemos saber, achegarnos a lugares e persoas que ela capturou coa súa cámara, veciños e
veciñas, escenas das nosas aldeas que xa se foron pero que viviran para sempre
neste arquivo documental. E non é o único, pois ela é so unha das moitas
fotógrafos e fotógrafas que quixeron documentar a vida e a realidade galega ao
longo do século XX, algúns deles quedaron realmente fascinados e namorados
desta terra e das súas xentes.
Como Ton Van Vliet
que retratou a veciños e veciñas do Concello de A Golada nos anos 70; tamén na
década dos 70, Cristina Garcia Rodero, primeira muller española en entrar a
coñecida Axencia Magnum; nos anos 60 estiveron por Galicia Gustav Henningsen ou
Jean Dienzaide; arredor dos 20 Walter Ebelinge e George Chevalier. Cabe
destacar ó galego Xosé Suárez o fotógrafo de Allariz, un dos documentalistas
históricos galegos mais importantes, que tan ben soubo retratar a Galicia dos
anos 30.
Moitas exposicións coma está fan falta para que non esquezamos e teñamos sempre presente de onde vimos.