martes, 1 de marzo de 2022

Esculturas de porquiños!.

Fai xa 20 anos que na Rúa Colón de Lalín atopamos unha escultura moi singular que comparte vida e acompaña aos veciños no seu día a día. Trátase do “Monumento ao Porco”, que se asentou no 2001 na esquina desta céntrica rúa da vila. A escultura de gran tamaño esta feita en bronce e é obra do escultor Manolo Rial.

A idea foi crear unha peza artística  que homenaxeaba á famosa Feira do Cocido, unha festa gastronómica que leva celebrándose dende hai décadas, e a carne deste animal é un dos ingredientes fundamentais deste prato típico. Pero o significado e valor da escultura do porco vai mais aló do cocido, supón tamén unha homenaxe á tradición rural e á nosa forma de vida. A cría e coidado destes animais na casa é, dende séculos atrás, fundamental porque del se obtiña una gran cantidade de produto que forma parte da base da alimentación familiar, e tamén porque coa venta de parte dese produto contribuíase á economía familiar.

Ó principio a escultura resultou un tanto polémica, criticada porque unha parte da sociedade local a viu un tanto vulgar ou inapropiada, pero co paso do tempo a súa presencia na rúa foi aceptada gañando o cariño de todos e hoxe é un veciño mais. Nestes vinte anos xa é un dos símbolos locais mais recoñecibles e todo un reclamo turístico, pois son moitos os visitantes que non marchan da vila sen fotografarse con el.

O porquiño de Lalín non está solo no mundo. Existen, en diferentes vilas e cidades doutros países mais esculturas e grupos escultóricos que tamén homenaxean a este animal.

Na cidade de Adelaida en Australia, en pleno centro e na principal rúa comercial leva dende 1999 instalado un grupo de catro porquiños de bronce: Horatio, Tuffles, Auguste e Oliver. Este grupo de porquiños, ó igual que o de Lalín, tamén tivo uns comezos difíciles e costoulles integrarse no entorno e ser aceptados. Hoxe é un conxunto de “arte público” co que a xente interactua e é habitual ver aos nenos xogando ao seu redor. Á súa aceptación contribuíu dotar a cada un deles cun nome propio o que provocou, nas persoas do seu entorno, un sentimento de proximidade e familiaridade.


A pequena vila de Aarhus en Dinamarca esta salpicada en todas as súa rúas e plazoletas de pequenas esculturas, unha delas é “O Pozo dos Porcos” do ano 1941. Unha fonte composta dunha porca e os seus 7 porquiños. O artista, Mogens, pasou varios meses vivindo nunha granxa e estudando estes animais para facer unha obra o mais realista posible.

Outro exemplo está en Gran Canaria, onde se colocou nun espazo público unha escultura deste animal como homenaxe a unha das súas razas autóctonas.

Todos eles son so algúns exemplos de escultura de porcos polo mundo, homenaxeando e dignificando a este animal tan relacionado coa tradición rural en todo o mundo.

Pero en Lalín foise un paso mais aló creándose no 2009 unha iniciativa artística que ten como tema este animal, nacendo a “Pork Art” que despois pasou a ser a exposición itinerante “Os Porquiños de Lalin”. A idea comezou sendo un proxecto en colaboración entre o Concello de Lalín e unha empresa de marketing como un modo de promocionar o concello e a Feira do Cocido. Naceron así unha serie de esculturas de porquiños a tamaño real que se diferencian pola súa imaxe e que forman un grupo expositivo itinerante que se levou por vilas e cidades promocionando e dando a coñecer Lalin e o Cocido.

Algúns dos Porquiños de Lalin.
Cada un destes porquiños está pintado ou decorado con diferentes motivos e da man de diferentes artistas, outros funcionan ademais como soportes publicitarios por estar patrocinados por empresas locais ou organismos públicos. O seu número foi aumentando cos anos e hoxe xa non sei cantos hai, ademais de crearse outros pequenos porquiños que se poden mercar ou o pin conmemorativo da Feira do Cocido.

Cada ano, nos primeiros meses do ano e con motivo da celebración da Feira do Cocido, os Porquiños de Lalin saen á rúa e ós espazos publicos, así podémolos atopar repartidos por toda a vila e á entrada dalgúns negocios locais aportando un pouco de cor e alegría aos grises días de inverno e convertendo Lalín nunha galería de arte contemporáneo cunha curiosa exposición.