No Concello de Cea (Ourense) localízase o Mosteiro de
Oseira. O coñecido como “Escorial galego” é un edificio impoñente situado entre
montañas, nun lugar tranquilo e recollido. O gran mosteiro carga ás súas costas
con séculos de historia, que deron para
moito, ó longo dos cales albergou entre os seus muros non so a varias xeracións de monxes, senón
tamén nenos orfos e mesmo presos políticos. Unha vida longa e dura, como a dos grandes protagonistas da historia, na que pasou por tempos moi difíciles na que o abandono o levou á ruína.
Na actualidade, apenas uns poucos monxes habitan aquí
mantendo a tradición da vida monástica propia do edificio e ocupándose, aínda,
nalgunha das actividades agrarias polas que foron famosos os Monxes do Císter.
A maior parte do mosteiro está reconvertido en hospedaxe para aqueles que
gusten dun tempo de descanso e reflexión lonxe do barullo diario.
Sen dúbida este é un gran edificio monacal da Idade Media, ó abeiro do que
naceu unha aldea na que se asentaron xentes que, noutros tempos, traballaban para o mosteiro, e que propiciou a construción de infraestruturas como fornos, muíños, pontes,…
necesarias para a vida diaria dos moxes e dos veciños.
Pero este post non vai diso, o protagonismo por unha vez non quero que recaia no gran mosteiro. Desviemos a mirada a un elemento
patrimonial moito máis pequeno e simple pero que pode ter un valor tan grande
como o do mosteiro. Xunto á estrada de acceso ao lugar de Oseira, se reparamos
cruzando sobre o río, á marxe veremos como se agocha baixo a maleza unha
pequena ponte de pedra visiblemente abandonada.

A pequena ponte, da que non coñezo a súa historia nin
logrei atopar referencias de momento, nin sequera sei o seu nome, pero... e se fose tan antiga como a
propio mosteiro?. Levaría séculos convivindo con el e manténdose nun segundo plano, á sombra dese maxestuoso edificio, que leva todo o protagonismo e é o centro de todas as
miradas.
Para min a pequena ponte tamén e importante. É importante
porque é unha obra que alguén, poida que algúns dos monxes que viviron en
Oseira, a levantaron, e seguramente leve séculos ocupando ese lugar e cumprindo
a misión para a que foi construída: axudar aos camiñantes a cruzar o río. E é
importante porque ten historia, porque é fermosa e porque se mantén ergueita a
pesares do abandono e do paso do tempo, sen que ninguén ou case ninguén repare
nela ou se preocupe pola súa conservación. E non me parece xusto!.
Nunha aldea
como Oseira, con ese gran mosteiro no que se fixo tanto e se inverteu tanto na
súa recuperación e conservación, da moita mágoa que non se destine nada a
manter esta ponte e empregala como paso de pe ou simplemente pola boa imaxe do
entorno.

E volvendo á nosa protagonista de hoxe,nesta ocasión non fun eu quen reparou nela, pois eu fai
anos que non paso por Oseira, foi unha persoa que, coma min, é máis de reparar
na beleza das cousas pequenas. Porque ante a beleza das grandes obras todo o
mundo queda admirado, mentres se tende a infravalorar ó pequeno. Así xurdiu o tema para este post.
Para rematar propóñoche algo: que cando visites algún deses grandes edificios, impresionantemente fermosos, non so te pares a comtemplalo a el, senón que te des unha volta polo seu entorno, de seguro que á súa sombra atoparas cousas máis pequenas de beleza máis humilde pero que merece a pena coñecer e valorar, como a Ponte de Oseira.