Nos primeiros post publicados presentaba algún dos bens
arqueolóxicos do meu concello, Rodeiro, un tipo de patrimonio moi abundante
nestas terras do interior de Galicia. Nesta ocasión volvo sobre este tema cunha
nova variedade de ben arqueolóxico: a mámoa, das que temos inventariadas máis
dun cento repartidas por todo o concello. En concreto na zona de O Couto, ao
norte de Rodeiro, localízanse varios grupos de mámoas formando necrópoles, ou o
que é o mesmo: os cemiterios da Idade de Bronce que sobreviviron miles de anos
camuflados na nosa paisaxe.
Como ben digo, nesta terra hai máis dunha centena de
mámoas, de todas elas destaca especialmente unha: a “Mámoa do Coto do
Mouros”, na mesma parroquia que antes mencionei ó norte do concello e que me
serve de fío condutor neste artigo.
A “Mámoa do Coto
dos Mouros” localízase moi preto da aldea de Alemparte totalmente integrada na
paisaxe natural, chégase ata ela por un camiño e podemos distinguila como un
outeiriño que sobresae do terreo. Esta é un dos mellores modelos de mámoa da
que temos constancia en Rodeiro, un exemplar único polas súas dimensións e características
construtivas que se pode empregar como documento para estudar estes bens. Porque
unha mámoa non é mais ca o tipo de enterramento que usaba a sociedade na Idade
do Bronce, fai milleiros de anos.
Na súa construción empregaban grandes pedras; e de novo un exemplo do uso da
pedra como elemento de base para unha construción, un material resistente e
perdurable no tempo. Así, de pedra, erguianse os muros laterais e a cuberta formando unha
estancia ou cámara, logo, poriba cubríase con pedras máis pequenas e terra de
modo que a estrutura quedaba semisoterrada no terreo e integrada no entorno.
Son de diferentes tamaños e sempre teñen a entrada orientada ao nacente, unha
entrada de acceso que nalgúns casos conta cun corredor e noutros non.
![]() |
Imaxe do pasado outono de Coto dos Mouros, moi cuberta pola maleza que medra sen control sobre ela. |
Pois ben, a “Mámoa do Coto dos Mouros” segue ese esquema clásico en planta, unha
cámara de gran tamaño á que se accede atravesando un corredor de varios metros que se atopa mirando cara o nacente. Pero ademais esta ten algo que a fai diferente e
moi valiosa, no seu interior aínda hoxe conserva restos dunhas pinturas en cor
negra e vermella sobre unha base de reboco branco que representan liñas rectas
e quebradas en zig-zag, ademais dunha figura antropomorfa. Da orixe e razón
destas pinturas pouco se pode asegurar, pero o que si é certo é que dan pe a
imaxinar diferentes hipóteses sobre a vida das persoas que as puideron facer e
os seus motivos. Probablemente eses motivos estarían relacionados cos seus
rituais e cerimonias funerarias, quizais a figura humana represente a un
defunto que se soterrou nese lugar. Quen sabe cal é o misterio que calan eses antigos debuxos que a mámoa leva protexendo no seu interior dende hai miles de anos.
E ese misterio que rodea a estes antiquísimos bens fixeron
deles lugares máxicos que os nosos antepasados ligaron a non menos misteriosas personaxes como os "mouros", a quenes atribuían estraños poderes
máxicos cos que protexían valiosos tesouros segredos, uns tesouros que no caso das mámoas non eran máis que os axuares compostos de armas, xoias e pezas de cerámica enterrados xunto ao defunto. Aínda hoxe a toponimia de
moitos lugares onde se atopan mámoas ou castros ten a palabra mouro ou moura no seu nome, e ademais se indagamos un pouco sobre a súa historia de seguro
coñeceremos algunha misteriosa lenda relacionada cos míticos mouras e mouras que
habitan estes restos arqueolóxicos, ou sobre alguén que se enriqueceu a conta dos tesouros atopados no lugar. A nosa cultura popular está chea destas
historias que contribúen a enriquecer o noso patrimonio inmaterial e que, ademais, reflexan a estreita relación entre os nosos bens patrimonias e a sociedade coa que conviven.
![]() |
Fotografía do oco na cuberta da mámoa polo que vemos algo do interior. |
A “Mámoa do Coto dos Mouros” é un maravilloso exemplo de
patrimonio material arqueolóxico que sobrevive ano tras ano para recordarnos a
historia máis antiga destas terras. Un mausoleo da Idade de Bronce que está xa
moi deteriorado e afectado polo paso dos anos, que valía a pena consolidar para
que non acabe por esmorecer. Un síntoma do seu deterioro é que os veciños do lugar contan cando de nenos podían acceder ao seu interior por un oco entre as laxas da cuberta, hoxe xa non se pode facer.
Din dos exipcios que construíron as pirámides a modo de
monumento funerario pensado para que durasen eternamente e fosen admiradas
xeración tras xeración. Cres que tamén o pensaron os nosos antergos da Idade do
Bronce?, tal vez non o pensaran, pero aínda así conseguiron que os seus
humildes monumentos funerarios aguantase en pé durante miles de anos cunha construción
moito máis simple e menos impresionante que as famosas pirámides.