martes, 6 de febrero de 2024

Legado familiar: o Dengue da Tataravoa.

 Facía algúns anos que non entraba na casa dos bisavós. Unha gran casa antiga, de grosos muros de pedra, cun corredor de madeira na fachada ao que se accede por un escaleira ben empinada que, de nena, me asustaba subir e baixar. Ao corredor dan os cuartos da planta alta, os únicos dous cuartos da casa que eu recordo que se empregasen, os demais xa sempre os vin pechados.

Tataratios.
Despois de máis de 20 anos baleira de vida, que non de historia e memoria, a pegada do paso do tempo e do abandono vaise deixando sentir nas fendas das paredes, no mal estado do faio, na suciedade que se acumula por todas partes e no cheiro a cerrado e humidade que se respira no ambiente interior dos cuartos e a cociña.

Entre eses muros de pedra consérvase a memoria e o recordos das persoas que habitaron a casa ó longo do tempo. Eses recordos e esa memoria atopámola nos obxectos, mobles, roupas,... que quedaron orfos hai duas décadas.

Nunha casa coma esta, que apenas sufriu obras de melloras e acondicionamento para adaptalas á vida e as comodidades modernas, podemos atopar obxectos antigos mostra dunha forma de vivir que nos apenas lembramos, e que cargan cun gran valor documental e patrimonial, e para min tamén emocional. A visita a esta casa traeme o recordo dos xantares de domingos sentado ao pe da lareira co fume picando nos ollos.

Entre eses obxectos: pezas de uso doméstico, mobles, colchas tecidas á man, ou fotografías dos meus devanceiros, algunhas de persoas que eu coñecín sendo moi nena e lembro con cariño.

"O Dengue da Avoa"
De entre os recordos antigos que me atopei alí, a xoia da coroa é o dengue da fotografía, unha peza de artesanía que chegou ata nos en bastante bo estado de conservación. Descoñecemos quen o confeccionou e cando, miña avoa conta que xa pertencía á bisavoa do avó, polo que cronoloxicamente xa nos iriamos ao século XIX.

O dengue é unha das prendas que compoñían o que hoxe coñecemos como “traxe tradicional galego feminino”. Neste caso trataríase dunha peza para usar os días de festa, confeccionado en veludo (terciopelo) e la, bordado man e adornado con pequenos abalorios. Os de uso ordinario eran máis sinxelos.

Eu xa sabía de existencia do “dengue da avoa” por boca de miña nai, aínda que nunca o vira. Telo nas mans é como sentir o peso da historia das mulleres da miña familia que o luciron sobre os seus ombreiros, cruzado por diante do peito, os días de festa. Faime pensar nas mans que cortaron as teas, que coseron as partes e o bordaron con delicadeza, rematando o traballo cos abalorios que o fan máis especial dotandoo dun toque festivo.

Que fermoso foi atopalo, é emocionante que chegase a nos e poidamos continuar conservando esta peza do patrimonio familiar.